Thursday 25 de April de 2024

Ángeles Vázquez salienta que a prioridade da Xunta é garantir aos galegos servizos imprescindibles con independencia do lugar onde decidan vivir


— A conselleira de Medio Ambiente defende “abandonar a vía do fatalismo” e “traballar desde a positividade, analizando a situación do territorio, sabendo que sucede no mesmo e sendo valentes á hora de lexislar”

— Subliña a fortaleza da acción interdepartamental da Xunta nunha Comunidade que se caracteriza por ter máis de 30.000 entidades de poboación, a metade das que existen en España, nun territorio amplo e cunha poboación dispersa

— Afirma que facilitar o acceso a una vivenda e garantir oportunidades de emprego son dous dos alicerces para afrontar o reto demográfico

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez salientou esta mañá que a prioridade da Xunta é garantir aos galegos os servizos imprescindibles, con independencia do lugar onde decidan vivir.

Ángeles Vázquez interveu en Teruel na mesa redonda É posible un Pacto de Estado pola España despoboada?, enmarcada no Diálogo sobre o futuro da España despoboada, onde destacou que parte do éxito do modelo galego débese ao traballo transversal impulsado durante anos para afrontar as peculiaridades do territorio e da poboación e converter esas “realidades en oportunidades”.

Vázquez Mejuto defendeu “abandonar a vía do fatalismo” e “traballar desde a positividade, analizando a situación do territorio, sabendo que sucede no mesmo e sendo valentes á hora de lexislar, para que os territorios teñan capacidade de crear e dinamizar”.

A modo de exemplo, citou a Lei de rehabilitación de Galicia, impulsada para facer dos centros históricos e dos núcleos rurais espazos de oportunidades; e na que se recollen figuras adecuadas –como o programa Rexurbe-.

“As distintas realidades de cada rexión, e a súa posta en común, deben servirnos para intentar ser mellores e facernos ver que existen moitos puntos en común”, sinalou, e engadiu que as diferentes circunstancias pódense recoller nun pacto no que as medidas que se planifiquen “non atendan a cores políticas, senón á análise, posta en común e toma de decisións”.

Galicia, a comunidade coa metade das entidades de poboación de España
Nese sentido, a conselleira destacou que se unha comunidade entende de diferenzas e dispersión, esa é Galicia, pois é a que aglutina a metade das entidades de poboación de España, con máis de 30.000.

Defendeu que, a pesar desta circunstancia, ten capacidade para atender ás demandas e necesidades dos seus habitantes, e, polo tanto, o seu modelo é aplicable a outras rexións do Estado para impulsar o reto demográfico.

“A resposta a esta situación pasa buscar alternativas e medidas que respondan a esta realidade”, dixo. A modo de exemplo, citou a iniciativa impulsado polo Goberno galego para compartir o transporte rural de xeito que o escolar fose tamén o método de mobilidade das persoas que queren desprazar desde un concello rural á cidade.

Tamén destacou a creación das casas niño, coas que dar unha solución a unha demanda de atención educativa nas idades máis temperás; ou a planificación dunha rede de estruturas para o tratamento dos biorresiduos, de xeito que todos os concellos dispoñan nunha instalación de xestión a menos de 50 quilómetros de distancia.

A vivenda, como motor de impulso demográfico
Así mesmo, a conselleira de Medio Ambiente explicou que facilitar o acceso a una vivenda é un dos primeiros escollos a superar para impulsar o crecemento demográfico.

Indicou que en Galicia se teñen habilitado ao longo destes anos medidas para acceder a una vivenda, en réxime de compra, alugueiro ou a través da rehabilitación, con balances moi positivos e unha demanda e participación que se incrementou convocatoria tras convocatoria; así como establecendo axudas fiscais pola compra de vivenda.

“A Xunta quere facer un novo esforzo e por iso o vindeiro ano avalará a menores de 35 anos na compra da súa primeira vivenda, co fin de que a xuventude poida acceder a un fogar e independizarse”, lembrou sobre a nova medida do ano 2022.

Oportunidades de emprego
Por último, Ángeles Vázquez salientou que outra das iniciativas do seu departamento é ofrecer apoio ao tecido empresarial para crear e manter emprego en todos os concellos galegos, co fin de que os cidadáns teñan as mesmas oportunidades.

Destacou que as políticas nesta materia van desde a aplicación de descontos no solo empresarial dispoñible, que acadan o 50% sobre o prezo de venta e ao que no 2022 se destinarán 7,5 millóns de euros; a execución de actuacións en pequenos concellos para dotalos de solo empresarial; e a optimización dos parques en funcionamento en toda Galicia, grazas ao investimento de 26,6 millóns de euros no vindeiro exercicio.